Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

18 de setembro de 2020

Os novos límites de velocidade permitirán reducir nun 30% o nivel de iluminación da cidade

Na súa aposta por unha iluminación pública intelixente e sustentable, o concello ten previsto iniciar os traballos para modernizar a rede municipal na zona de Canteira de Eirís e da rolda de Outeiro. Nas rúas Palomar, San Xoán, e o barrio do Castrillón xa locen novos farois.

Na Semana Europea da Mobilidade, o concello manifesta máis unha vez a súa aposta por unha rede de iluminación pública intelixente e sustentable. Esta aposta vese reforzada pola implantación da Coruña 30, que permitirá reducir nun 30% o nivel de iluminación da cidade. Consciente de que a iluminación pública ten un papel esencial cara a un novo modelo de xestión dos recursos locais, o concello puxo en marcha actuacións e iniciativas para modernizar a rede que permiten combinar aforro, eficiencia enerxética e redución de emisións de CO2.

A Área de Infraestruturas traballa para explotar a rede de iluminación e modernizala baixo criterios de sustentabilidade, dun modo respectuoso coa saúde pública e co medio, co fin de minimizar a contaminación luminosa e ofrecer unha iluminación adecuada só nos sitios en que sexa necesario e cando for preciso asumindo os principios da iniciativa Slowlight á que a cidade se adheriu en xullo.

As medidas adoptadas, case imperceptibles para a cidadanía, supoñen un aforro para as arcas municipais de máis de 200.000 euros. Neste sentido, o Plan de apagados selectivos levado a cabo durante as restricións de mobilidade asociadas á Covid, supuxo un aforro de 68.000 euros.

Ademais, os autómatas de control de acceso e apagado dos cadros de iluminación da cidade corrixíronse entre 8 e 12 minutos en orto e en ocaso astronómico, cun impacto na factura eléctrica de 75.000 euros. E desconectáronse iluminacións ornamentais altamente contaminantes e de gran potencia, cun aforro de 75.000 euros.

Por último, estase executando un plan de acendido en instalacións deportivas e pistas de deporte en diferentes zonas, cuxa iluminación se apaga ás 23.00 horas e cuxo acendido se producirá se existir demanda por parte das persoas usuarias.

Canto á xestión de iluminación, o Concello dispón dun Mapa luminoso actualizado, que se converteu nunha ferramenta potente para tomar decisións en distintos ámbitos, como por exemplo para calcular as necesidades de iluminación da cidade ante unha diminución da velocidade do tráfico a 30Km/ h ou estudar as necesidades de iluminación en pasos peonís que non dispoñen de semáforos adoptando sistemas como o instalado na rúa Palomar, que conta con sensores que detectan as persoas viandantes que cruzan reforzando o nivel luminoso para mellorar a súa visibilidade.

Neste sentido, o mapa de avaliación da calidade de ceo nocturno permitiu detectar que, a pesar de que o nivel de contaminación é elevado, as actuacións realizadas nos últimos anos permitirán reducila. Nos próximos meses, incorpóranse dous equipos fixos de medición SQM da calidade do ceo nocturno, situados na rede de estacións de control ambiental municipal que permitirán analizar a trazabilidade dos impactos na calidade do noso ceo das actuacións sobre a rede de iluminación.

Na Semana da Mobilidade, expóñense as tecnoloxías de iluminación pública que coexisten na cidade ao servizo da cidadanía. Deste xeito, é posible observar o estado de farois con máis de 25 anos de vida que acaban de se retiraren do servizo, e comparalos con novos equipos de tecnoloxía led recentemente instalados.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión