Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

10 de setembro de 2020

Inés Rey trasladará á Fiscalía que se ocupe da denuncia do Goberno contra Tebas e o Fuenlabrada todas as accións xudiciais iniciadas polo Concello

A Corporación, a través da lectura dunha declaración institucional asinada por todos os grupos, expresoulle o seu apoio ao Deportivo e esixiu a dimisión ou o cese de Irene Lozano e a inhabilitación de Javier Tebas

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou que trasladará á Fiscalía de Madrid todas as accións xudiciais emprendidas polo Concello no caso Fuenlabrada. "Iremos até o final para que se depuren todas as responsabilidades", sinalou a rexedora para quen "ninguén está por riba dos protocolos sanitarios poñendo en risco a toda unha cidade". A unidade mostrada pola Corporación, dixo Rey, serve como exemplo de que a pesar das diferenzas políticas "a Corporación está ao lado do Deportivo, da xustiza, e da dignidade de toda unha cidade".

A rexedora fixo estas declaracións durante a lectura dunha declaración institucional pactada por todos os grupos políticos en que a Corporación manifestou a súa unidade na defensa dos intereses do Deportivo e expresou o seu recoñecemento cara ao Deportivo e o seu apoio a todas as accións e medidas que adopte o consello de administración e a súa solidaridade co capitán deportivista Álex Bergantiños. Tamén expresou o seu rexeitamento á actitude hostil mostrada pola Liga de Fútbol Profesional co RCD e apoiará todas as accións legais que impulse o Deportivo por todo o acontecido. Ademais, esixirá á LFP a reparación dos danos que na imaxe da cidade causou a viaxe do F.C. Fuenlabrada; unha viaxe que tivo graves consecuencias económicas polo impacto no turismo.

A Corporación pediu a dimisión da presidenta do Consello Superior de Deportes, Irene Lozano a quen considera cómplice dos incumprimentos da LPF e da SD Fuenlabrada, e a reprobación e inhabilitación de Javier Tebas como presidente da LFP polos seus comentarios despectivos sobre o RCD. Tamén esixe ao delegado do Goberno, Javier Losada, que rectifique a súa declaración en que apoiaba a actuación do Consello Superior de Deportes. E, por último, o Pleno reafirmou o seu compromiso coa saúde pública e agradeceulle publicamente á cidadanía o seu comportamento nesta crise.

Pola súa banda, o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, manifestou a súa satisfacción porque unha vez máis "o Pleno amosou unidade ao facer fronte a unha situación que afecta a toda a cidade" e sinalou que "a veciñanza non entendería que ningún grupo quixese quedarse fóra da declaración". Para Lage,  ninguén dubida de que se hai alguén que defenda a cidade por encima de intereses partidarios é Inés Rey. "Na defensa do Deportivo deberíamos estar todas e todo", apuntou.

Na parte resolutiva, o Pleno aprobou co voto a favor de todos os grupos políticos a nova ordenanza reguladora de concesión de axudas á conservación e rehabilitación de edificios e vivendas tras resolver as alegacións presentadas ao documento inicial. Tal e como explicou o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz  Villoslada, o obxectivo da nova ordenanza é simplificar os procesos para poder obter as axudas, o control económico das obras e unha cuantificación máis polo miúdo dos seus obxectivos. "Co novo regulamento as peticións de subvencións integraranse coa solicitude de licenzas" explicou.

Ademais, suprímese o requisito de inspección previa para solicitudes que se acompañen de proxecto o memoria asinada polo técnico/a competente en que se xustifique a súa necesidade de actuación. E o novo texto actualiza, entre outras cousas, o tipo de actuacións que poden ser subvencionadas para ordenalo segundo obxectivos específicos prioritarios para o interese xeral (sustentabilidade enerxética, inclusión social, conservación de patrimonio cultural, obriga de conservación das edificacións).

O Goberno local, explicou o edil, intentará lanzar unha convocatoria plurianual de axudas o próximo ano para incentivar as políticas de rehabilitación "sempre que se poidan executar todos os expedientes pendentes de pasados mandatos". A Concellería atopouse cun total de 626 expedientes sen tramitar das convocatorias dos anos 2015, 2016, 2017 e 2018".

Na parte non resolutiva, o Goberno local lembroulles aos grupos que o Concello puxo á disposición da Xunta espazos municipais para desdobrar aulas nos colexios da cidade e que se fixeron peonís as contornas dalgúns colexios para garantir a distancia social. A raíz das mocións presentadas polo BNG e Marea Atlántica reclamándolle á Xunta maiores inversións na cidade co fin de garantir a saúde das e dos escolares, o edil de Educación, Jesús Celemín, asegurou que o Concello está a facer fronte as medidas que son competencia do Executivo galego, e cualificou de "improvisados" os protocolos da Xunta para un inicio do curso escolar con todas as garantías.

Doutra banda, a Corporación, agás o PP,  que se abstivo, apoiou a moción do BNG para conservar e restaurar o pesqueiro Orzán e crear un barco museo para a súa exhibición nun peirao da cidade accesíbel á cidadanía. O edil de Urbanismo sinalou que o buque é historia viva da cidade e anunciou que o Goberno local estudará a viabilidade económica da iniciativa e analizará o emprazamento do buque para o seu mellor destino.

"Pedimos autonomía municipal para usar os seus remanentes", explicou o voceiro socialista no debate dunha moción do BNG sobre a utilización dos fondos municipais por parte das administracións, que saíu adiante cos votos de todas as forzas agás o PP. O voceiro lembroulles ao resto dos grupos a tradición municipalista do PSOE  e sinalou que todas as leis municipalistas do país levan o selo do socialismo.

O Goberno local pediralle ao Executivo central que mellore o Real Decreto -Lei 27/2020 do 4 de agosto co obxectivo de reforzar a capacidade financeira das entidades locais para atender as competencias propias. Ademais, solicítalle á  Xunta fondos para que os concellos poidan afrontar a crise sanitaria, social e económica derivada da COVID 19, e que lle esixa ao Goberno a derrogación da Lei Montoro.

O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, destacou durante o debate dunha moción do PP sobre Alvedro que o aeroporto "é unha prioridade do Goberno local que está a redactar un plan director para mellorar as rutas e poñer Alvedro desde o minuto un no primeiro posto". A moción do PP, que recollía a necesidade de manter a conexión con Londres, recuperar a base de Vueling e resolver a negociación coa compañía Volotea, así como asegurar o mantemento das frecuencias a Madrid foi aprobada por unanimidade. O edil aclarou que Vueling non ten un slot en Heathrow." O único que ía a Heathrow era o voo da Coruña, por ser parte estratéxica no contrato que había con Vueling", dixo.

E, por último, a moción da Marea Atlántica sobre a Monarquía non saíu adiante ao non contar cos votos de PP e PSOE. Para o voceiro do Goberno local, o Pleno non é o lugar idóneo para debater cuestións do ámbito lexislativo e cre necesario diferenciar entre o plano persoal e institucional no caso das denuncias contra o Rey Emérito.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión